sábado, 1 de agosto de 2009

Un cabrón con sorte

Boa tarde a todos,

Nesta tarde de aburrimento coruñés, de calor aderezado coa humidade mariñeira, de Proxecto Fin de Carreira rematado, de incertidumes de futuro, e por qué non recoñecelo, de calma e felicidade con un mesmo, volvo a botar a pacer as miñas reflexións e sentimentos (e xa era hora, a verdade).

Se de algo podo presumir e sentirme satisfeito é de que nos meus case 25 anos de vida non teño sentimento algún de arrepentimento. Con isto non quero dicir que nunca me saíran mal as miñas decisións, pero sei que se volvera atrás, tomaría as mesmas. Son experiencias vitais que conformaron a miña personalidade, e tamén construíron a miña forma de vivir. Por iso son un cabrón con sorte.

Agora que rematei a carreira ábrese unha nova época, moi diferente á anterior. Unha época de maior madurez, de responsabilidade e de tecer o futuro. Comezo outra carreira, a carreira profesional, tanto ou máis complicada que a académica, pero conto de novo coa sorte, porque non estou só.

Teño grandes compañeiros e amigos que están comigo (nos bos momentos e nos malos tamén). Teño unha gran familia que leva toda a miña vida apoiándome e sendo un soporte fundamental. E está Sonia.

Sonia, chegaches á miña vida hai pouco (relativamente), pero convérteste cada día máis nun faro, nunha luz que me mantén no camiño a seguir. Agora que teño máis tempo libre aprecio moito máis a túa presencia, o teu alento, estar ahi. Son afortunado por estares comigo, e espero seguilo sendo moito máis, xa o sabes ben.

E polo de pronto non teño máis que contar. Supoñe que nestes días de busca de emprego e aburrimento estival volverei a deleitarvos coas cousas que desexo contar.

Unha aperta, amigos!