Coma moitos outros europeos, a cultura estadounidense paréceme bastante cutre e en certo modo, inferior. Do pouco que se salva diso é a cultura electoral da que está empapada a sociedade, tras máis de 200 anos de democracia (a máis antiga do mundo). Por riba de papeletas bolboreta e presidentes con intelixencia máis que discutible, as tradicións propias de tanto tempo de dirimir o poder nas urnas deberían ser copiadas aquí, en Galicia e en toda España. Temas coma os debates electorais case obrigatorios, a elevada responsabilidade pública dos políticos (só hai que ver a cadea de dimisións da Administración Obama) e ademáis - e isto é o que me ocupa - a figura do endorsement.
O endorsement tradúcese literalmente coma "adhesión", ainda que realmente se trate de "apoio". Xornais e medios de comunicación variados emiten días antes das eleccións os seus endorsement, en función da súa lexítima capacidade de opinión, seguindo a súa liña editorial. Sen embargo, no noso país os xornais pretenden mostrarse coma neutrais en todo o proceso político e os seus apoios partidistas tradúcense nas páxinas de información en non nas de opinión. Un claro exemplo disto é La Voz de Galicia, que non ten Editorial, mais o tufo dereitista do seu presidente e editor se desliza polas páxinas de información. Outra boa mostra é o Xornal de Galicia, que ainda que non o declare abertamente, está vendido ó nacionalismo. Polo tanto, ante a falta total de vergoña e de sinceridade dos medios galegos, dareilles una lección de pluralismo e emititei o meu endorsement.
Estas eleccións trátanse dunha reválida. O goberno galego que asumiu fai catro anos coa promesa constituínte de cambio, sométese ante o xuicio dos cidadáns que daquela lle deron o seu apoio e dos que preferían a continuidade do goberno do PP. A realidade é que esas aspiracións non se puideron colmar, e pode ser dado por varios motivos. Un deles (moi importante) é o elevado poder local que aínda conservan os populares, dende gran número de pequenos concellos e as Deputacións de Ourense e Pontevedra. Outro é a pouca dilixencia que houbo no bipartito en desmontar a estrutura caciquil e clientelar tecida dende a Xunta, se ben é verdade con unha parte dos colaligados máis responsable que outra.
Dentro da conta particular do BNG, anótanse acertos no haber, coma pode ser o éxito relativo da Consellería do Medio Rural, mais no debe teñen que repecutirse importantes exemplos de continuismo nos modos de facer do pretérito goberno Fraga. Para a historia queda o Vicepresidente Quintana bailando con señoras en festas multitudinarias para a terceira idade, a imaxe e semellanza do ancián ex-presidente galego. Escándalos coma o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar, dedicado a semiprivatizar (ou ben ocultar do control parlamentario) a política social do goberno, con evidentes casos de enchufismo; coma imposicións intolerables á autonomía dos concellos (se te metes no consorcio, hai cartos e se non, pois quédaste sen nada); coma a utilización partidista da política xuvenil (non é casualidade o nomeamento nesa faceta de Rubén Cela), deixan un poso de desencanto e frustración naqueles que confiaron no nacionalismo como motor de innovación e cambio. Temas importantes de imaxe, coma a marxinación nos actos públicos dos líderes locais (incluso alcaldes) alí onde non mandan os amigos minan a confianza nos nacionalistas. O concurso eólico foi o colofón desta lexislatura, ca evidente utilización electoralista, mesmo contra o socio de goberno. Por todo isto e mais, o balance mostra perdas flagrantes, que deberán ser saldadas nas urnas.
O PSdeG, tamén ten unha conta dividida. Con fracasos, personificados nas consellerías de Pesca e Medio Ambiente, e grandes éxitos coma as Consellerías de Política Territorial, Educación, Sanidade ou Presidencia. O esforzo planificador estratéxico desenvolvido, o apoio decidido á formación, as novas formas e diplomacia creadas, o liderado carismático do Presidente Touriño, son mostras do éxito da parte socialista do bipartito. Se ben se pode considerar que o cambio se quedou curto, pode ser neste lado dos coaligados onte máis se viu reflexada a alternancia. Catro anos máis son precisos para avaliar a valía deste partido e a capacidade de artellar unha muda estratéxica de Galicia.
Pola banda da oposición, a valoración pode resumirse en ausencia. Ausencia de alternativa real, ausencia de liderado, ausencia de proxecto e ausencia de ideas. O PP, lastrado por unha fractura interna evidente liga as únicas esperanzas de retornar ó goberno na pertinaz crise económica, da que realmente o goberno galego non é responsable, nin puido en gran medida amortecer. Iso e a deriva españolista, que se atopou por casualidade e que se pode converter no harakiri particular dun partido creado pola asimilación de varias organizacións de centro e dereita galeguista durante a Pax Fraguiana. Os escándalos varios destes días veñen a demostrar que con Núñez Feijóo pouco cambiou internamente na dereita galega, e a nova derrota que se adiviña case segura non fará máis que exaltar a crecente división interna entre a alma galeguista e a vocación españoleira e centralista.
Coma o ano pasado, as ausencias repítense. Dentro do espacio sociolóxico-identitario, o nacionalismo galego de centro é o gran ausente, a pesares do gran "nicho de mercado" que se atopa nesta franxa. Dividida en mil fraccións das que só destacan a Terra Galega de disidentes do PP e o Partido Galeguista descafeinado que pouco ten que ver co seu homónimo dos anos 30, e lastrada pola inxusta lei electoral ten polo de agora exiguas forzas e menores aínda aspiracións reais de obter resultados palpables.
Polo tanto, amigos, aquí chega o meu endorsement. Ante a falta evidente de alternativa válida dentro do espectro político, o elector vese nun xogo de eliminación sinxelo. Se se desprecia a oposición carroñeira e antiga do PP e o neoclientelismo hipócrita do BNG, a única opción posible é a do PSdeG, verdadeiro motor do cambio ante o lastre da parte nacionalista do bipartito. Esperemos agora a uns resultados que han de mostrar se Galicia profundiza na xeira da modernidade ou se somerxe no mal endémico do caciquismo (sexa do vello ou do novo).
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada