miércoles, 24 de diciembre de 2008

Cando se acenden as luces

Nesa noite apareceches. Na escuridade, só rota polas luces intermitentes, e ca música bombardeando os oídos, co alcol mesturándose co sangue en proporcións descoñecidas, a excitación fai bombear forte o corazón, mentres me deixo levar polo ambiente, entregándome ó baile rítmico. Onde todo o imaxinario é real.

Xa todo da igual. O mañá non existe, e por uns intres síntome verdadeiramente libre, sen esa carga diaria que me aplasta cun peso incrible. Poderíase dicir que así son feliz, sen pensar en nada máis que o que está ocorrendo agora.

E de repente atópote onda min, movéndote dun lado a outro, coa armonía ás veces perdida pero sempre con ese atractivo. ¿Qué dicir se non me vas a oír? ¿Qué facer? ¿Qué? Preguntas inútiles mentres achegas a túa man e bailamos xuntos a ritmo. O teu sorriso é tan enigmático, tan seductor, tan bonito... os xestos son máis precisos que as palabras cando os sentidos están tan atarefados e á vez tan aturdidos.

Sinto esa liberdade e esa excitación xunto a ti, que quero que esta canción e esta noite non remate nunca, pero de repente acéndense as luces, e a maxia da paso á realidade. Unha realidade dun domingo á mañá.