Ola a todos,
Por desgracia, de novo e sen esperalo, volvo ter que escribir unha entrada difícil. Dous meses despois de levarse ó meu avó Antonio, de novo a fatalidade pasa pola porta da miña familia, en forma de morte. Desta volta, foise o meu avó Guillermo.
Qué dicir! Pois non o sei moi ben. O cariño que lle tiña (e lle teño, ainda que non esté o meu lado), é infinito, como infinita era a ilusión que demostraba ó ver ós seus fillos e ós seus netos. Teño que sentirme orgulloso, pois era especial para él ver a un neto case Enxeñeiro de Camiños, logo de tantos anos traballando ó pé da obra, entre encofrados e formigón, construíndo as obras máis grandes coa forza dos seus brazos. Foi él un dos motivos para facer esta carreira e ben seguro que estará no meu corazón en todo o que faga profesionalmente.
A cada paso que dou, véxoo a él, o seu facer. Un paseo pola casa da Santa Mariña é suficiente para comprobar o inesperado da súa morte e a vitalidade que demostraba ata o último momento. Ves unha caixa de leña, preparada para subir á casa; ves un saco de penso, listo para os coellos; tantas e tantas cousas, ó seu modo, como a él lle gustaba.
A xenética é unha maxia fóra da miña comprensión, pero entre iso e o contacto ó longo de moitos anos, sei (e contento que estou) que me parezo a él, non tanto no físico senón no carácter. Un carácter ás veces duro, pero moi cariñoso, cun amor enorme á familia, cuxo benestar e fortaleza é a base da nosa propia vida.
Cando algo nos sacude de semellante maneira, dun xeito tan seguido e inesperado, apréciase moitísimo a presencia dos teus. A unidade da familia, tanto na desgracia como na celebración é para min motivo de orgullo, do que creo que somos todos partícipes. Desexo para min todo o amor, respeto e consideración que desfrutaron e desfrutan os meus avós, e ter no futuro unha familia como esta. Por iso o meu corazón está permenentemente con vós ainda que teña que estar lonxe da casa, do mesmo xeito que tanto Antonio coma Guillermo viven nos nosos, de onde xamáis se irán.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada