jueves, 17 de abril de 2008

De futuros e incertidumes

Boa noite,

Cando un ve cada vez máis preto o fin dos seus estudios, éntralle unha certa vertixe e sobre todo, certa inquietude. Mentres se está na carreira, sabemos que ata chegar ó final temos que estar aquí, coñecemos o que pasará o ano seguinte. Iso agora non pasa. Non é que quite o sono, pero está ahí.

Este ano estou pasando por distintas fases. Dende a apatía e a falta de gañas de acabar ó principio de curso, ás presas por rematar agora. Sei que as circunstancias da vida fan que cambien as prioridades, pero non estou acostumado a vivir na inquietude e a falta de estabilidade que teño agora. ¡Vida de estudiante!

¿Que vou facer? É a gran pregunta que moita xente me fai e á cal non teño resposta. Estou a facer un Curso de Formación en Administración Local, polo que a porta da enxeñería municipal está aberta. Por outro lado, estou a facer un proxecto de investigación, polo que tamén esa opción é factible. Ademáis, teño a posibilidade real do mundo da contrata, e outras mozas profesionais que a un lle van saíndo... E de ahí as presas. As mozas profesionais que me atopan, se non se lles dá promesa de matrimonio, pode ser que casen con outro/a, ergo, hai que rematar.

E sen embargo creo que aínda me quedan cousas por vivir aquí. Non quero partir, pois me parece que me vou incompleto. A Coruña xa a entendo hoxe como a miña casa, e sería o meu desexo poder quedarme preto de aquí. Será que despois de seis anos vivindo na capital, un padece certo grao de Síndrome de Estocolmo, e acaba namorado da cidade que te rapta nun principio. Recordo o primeiro ano e as dificultades que tiven que superar para adaptarme dende a aldea á cidade, e o sentimento de emigrante que me carguei ás costas. Hoxe véxome nunha situación similar, pero os sentimentos non o son.

En fin, sinto aburrir ó respetable, pero debo deixarme levar ás veces polo de dentro, do que che sae da alma. Vexamos se dentro duns meses as incertidumes se convirten en certezas do mesmo xeito que os futuros en presentes.