sábado, 5 de enero de 2008

De usurpadores e mentireiros

Boa noite a todos,

Ás veces a un, no seu foro interno, sofre o dilema de elexir entre corazón ou cabeza. Nos momentos nos que queres facer unha cousa e sen embargo cres que non deberías ou é inadecuado. Pois agora estou nun deses momentos. A entrada de hoxe ven do lado do corazón e non do da cabeza, pois estropear unha noite así mentando a certos personaxes non é de recibo para os meus queridísimos lectores, pero os que me coñecedes xa sabedes moi ben que é o que manda en min.

Trátase de comentar unha nova da telegaita de esta noite. Din que Anxo Quintana se autoproclamou hoxe en Rianxo fillo político do meu tocaio Castelao. Seica o BNG é digno sucesor da laboura do Partido Galeguista, e como me sinto ofendido por semellante trapallada non podo menos que rebatir esa estupidez.

De tódolos libros que levo lido, ben seguro que no que me sinto máis identificado é no Sempre en Galiza. É un libro escrito en clave persoal por Daniel Castelao, e lonxe de contar vivencias persoais, apóiase nelas para deixar no aire as súas reflexións, todas elas cun denominador común: Galicia. Neste libro podémonos somerxer no pensamento político de Castelao e as súas propostas para o progreso de Galicia. Eu lin ese libro tres veces, e en cada unha delas obtiven reflexións propias moi enriquecedoras. Pois ben en NINGUHA delas vexo nada parecido ó que o Sr. Quintana fai dende a Xunta. NADA.

Castelao clama contra o caciquismo e o clientelismo político que se vivía na Galicia dos anos 30, aposta claramente polo progreso económico, polo desenrolo do rural, polas infraestructuras, o apoio gubernamental ós productores, á transformación dos productos primarios como clave do desenrolo de Galicia, pero isto dende o orgullo de ser quen somos e poñendo en valor a nosa riqueza. En poucas palabras, que Galicia é unha terra empobrecida e non pobre.

Pois pensará o Sr. Quintana que invitar ás paparotas ós vellos, bailar na orquestra coas vellas, organizar actos de desobediencia civil con motivo do partido da Selección Galega, regalar entradas ós amigos de Jarrai (perdón, Galiza Nova), privilexiar ós concellos gobernados polos partidos do goberno, crear altos cargos para os amigos, prostituírse en Madrid, venderse en Bilbao e Barcelona e regalarse alí onde haxa un voto é progreso, pero eu creo que non. E o máis rastrero, penoso, carroñeiro e falso é erguerse en herdeiro dun proxecto que non lle pertence.

O único que lles queda a políticos ineptos e sen ideas é apropiarse dunha bandeira, envolverse nela e obviar a realidade. Pois seguindo por ese camiño quen perde non é o BNG, senón tódolos galegos que non comulgamos co seu modo de pensar (pensar nese voto que emitín no seu día dame náuseas).

Ten coidadiño, amigo, que as comparacións son odiosas, e Daniel dáche a ti e a todos os da túa calaña 100.000 voltas. E remato cunha frase do propio Sempre en Galiza, recomendándoche que todo o que digas, penses ou fagas o escribas en papel de lixa, para que logo non te podas limpar o cú con el.