Boa noite,
Hoxe falarei dun tema un pouco extraño para min. Destas cousas de amores non me gusta comentar, non sei se por secretismo ou por escaldamento. O caso é que o amor sempre é un estado de alteración, de desequilibrio, e ainda que algúns desfrutemos de vez en cando del como se dunha droga se tratase, hai que ter en conta que como tódalas drogas pódese rematar enganchado.
Hai algúns que pensamos que o amor crea un tupido (estúpido, tal vez) velo diante dos ollos que nos fai ver ó ser amado como algo ideal, algo falso certamente e moi perigoso. Este velo vai perdendo co tempo a súa opacidade, pero hai xente empeñada en coller unha brocha e intentar oscurecelo de novo, de intentar vivir unha ilusión irreal que pode rematar en autodestructiva.
Un que lles fala viviu iso. Viviu unha fantasía durante un tempo, unha fada que case remata en traxedia de non ser pola sorte que teño de contar preto cunha familia esperta. Viviu unha perda total de dignidade coa confianza de recuperar un pasado xa perdido. Viviu unha serie de públicas humillacións co único fin de compensar unhas nonseiqué débedas de amor. Viviu unha mentira como se fose real e a piques estivo de pagala moi caro. ¿Merece iso a pena? NON.
Iso non quita de desfrutar do ser amado. De recoñecerse íntegro e pleno nos brazos doutra persoa. De vivir un latexar incontible cando o outro está preto. De rirse da vida porque se sinte afortunado. Deses nervios tontos que corroen a un cando ela se retrasa. Das lágrimas, dos bicos, das cartas, do contacto, do calor, da vida en sí.
Pero iso pode facerse sen estar cego e xordo e podemos darnos conta de cando sen nós querelo, estamos a ser utilizados. Un lema: unha persoa sen dignidade non é unha persoa, é un escravo. Se con isto podo evitarlle a alguén o que eu xa vivin, xa merece a pena. Que así sexa.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada