Querida Descoñecida:
Dado que te teño bastante esquecida e dende logo non te mereces tal deprecio, pídoche aceptes as miñas desculpas por non escribirche antes. Tes razón en que a miña vida é complicada e que me centro demasiado no meu, e que iso non che gusta, pero prométoche de de agora en diante procurarei terte máis en consideración.
A verdade non teño moito que contarche dende a última vez que nos vimos, aquel día que nunca ocorreu. Dende logo foi unha das mellores noites da miña vida, e recoñézoche o acerto no ben que o organizaches todo. A sorpresa que me levei cando me viñeches a buscar á miña casa téñoa gardada dentro, con toda a gratitude. Non sabía que te atopabas en Cidade, pois pensei que seguías de viaxe, pero tiña unhas ganas de verte... No restaurante Inexistente atendéronnos dun modo exquistito e o sabor dos pratos tampouco desmereceu, ainda que a estrela da noite eras tí, pois os teus ollos brillábanme máis que a cubertería de prata. En fin, que xa me coñeces, e cando che escribo déixome levar pola poesía, non podo evitalo.
Foi unha sorte que ó día seguinte non tivera que traballar, e poideras quedarte toda a noite comigo. Ben sabes que me gusta moito que raches coa túa presencia a monotonía do meu fogar e a soidade que ás veces me invade cando volvo logo dun día interminable. A túa presenza ó meu carón sempre me deu forzas para aguantar o choio, a pesar do imbécil do xefe que me ten farto, pero diso non quero falar. Non quero estropear unha carta mentando a quen non existe...
O caso é que eres incrible. No cansanzo da mañá seguinte e abrazado a tí, o meu sorriso ten título de propiedade, e é teu. Parece coma se tiveras conexión directa comigo e me entenderas dun modo perfecto. Agardo con impaciencia que volvas de onde te atopes e poidamos de novo vernos a diario. Sen tí, para qué negalo abúrrome máis e síntome incompleto, que cousas... Dende aquel día ficticio que nos coñecemos somos inseparables.
Agardo que me contestes, ou me volvas a sorprender. Espero que che chegue a carta sen problemas, pois a túa dirección imaxinaria deume algún que outro problema en correos en outras ocasións, pero creo que eran eles, que non querían traballar.
Recibe un bicazo e unha forte aperta, dun que te extraña e desexa que aparezas de novo ainda que non sexas tí.
Fdo. Daniel
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada