martes, 17 de julio de 2007

Raiolas de inspiración

Boa noite.

Moita xente afirma ter lástima de min, por estar traballando na beca cando debería estar desfrutando dunhas merecidas vacacións (algún pola contra cre que as miñas vacacións son de outubro a xuño), pero para ser sincero estar con ocupacións no verán maiores que rañar a barriga, aparte de ser edificantes son una ocasión para esquematizar a vida. Esta mañá, sen ir máis lonxe estiven facendo uns planos en AutoCAD das armaduras dunha estructura (AVISO A NAVEGANTES: non aconsello para nada tomar a A-8 dende a A-6 sentido Coruña-Oviedo polo que poda pasar...) e entre tecla e clic de rato estaba eu buceando nas prioridades do día.

O peor do asunto é que despois de 11 horas fora da casa o último que se che ocorre é facer algo de proveito, pero o certo é que para min escribir neste confesionario é como improvisar música nun piano, pois sáenme soas as palabras e entrelázanse acompasadas, formando unha melodía. Así que mentres teña días coma hoxe inspirados, seguirei a compoñer cancións co meu teclado.

O caso é que tanto o traballo como o aburrimento, pero coa obligación de permanencia nun posto fixo fai que a cabeza rule moito. Pódese evitar o sono gracias ó efecto beneficioso da cafeína, do futbolín ou dunha volta pola obra, e a mente está despexada para acordarde das cousas máis nimias.

Hoxe acordeime da miña amiga Miriam. Sempre me anda a dicir que temos que montar un consulting enxeñeiros-arquitectos, pero debo dicirlle que tras 15 días na Oficina Técnica descubrin que o meu non é o traballo de gabinete. Estou a decatarme, eso sí, de que as facetas do enxeñeiro de obra sí que se adaptan a min. Esixe un coñecemento directo do que se fai a pé de obra, manchando as botas de terra, respirando o aroma do formigón. Asi que, Sergiete, serei vago, pero o Dani vese en obra. O "malo" de entrar agora a ver unha obra por dentro é que estou a comprobar a inutilidade absoluta da formación físico-matemática que recibimos. Eu prefiro sair sendo algo máis parecido a un Torroja e non a un Fourier.

O que cada día me queda máis claro é que me queda un ano "de vida" por así decilo. Confío cegamente en que as almas caritativas dos meus compañeiros me proporcionen unha aceptable despedida da vida universitaria. Por certo, se no verán vos aburrides, recordade que alá en Baamonde, no medio de ningunha parte, existe un Dani que seguro seguro está desexando un pouco de entretemento. Nas vosas mans queda!